Centrado en coñecer os beneficios do contacto coa natureza na saúde e benestar de persoas con afeccións cardiovasculares, un proxecto do grupo de investigación en Fisioterapia Clínica (FS1) buscou avaliar como inflúen no sistema nervioso autónomo, asociado aos estados de estrés e relaxación, as características das contornas naturais nas que se realiza actividade física. Nomeadamente, esta investigación financiada polo VI Plan Social Ence Pontevedra puxo o foco na incidencia que pode ter o grao de apertura visual dos espazos naturais, comparando os efectos dunha camiñada nunha carballeira e nun espazo aberto. Dar a coñecer os obxectivos e a evolución deste proxecto, así como os beneficios da práctica de actividade física ao aire libre son as finalidades do encontro divulgativo que este grupo da Facultade de Fisioterapia promove o vindeiro luns 9 de novembro, ás 19.30 horas, na sede da Vicerreitoría do campus.
Neste encontro aberto á cidadanía, a investigadora principal do grupo FS1, Eva María Lantarón, e a fisioterapeuta e investigadora do grupo AF4 da Escola de Enxeñaría Forestal Ana Gil darán a coñecer “algúns resultados preliminares”, apuntan, dun estudo desenvolvido coa colaboración do Concello da Lama e da asociación Pontecorazón. Esta investigación contou coa participación de preto de 30 persoas con patoloxía cardiovascular, que realizaron dúas camiñadas dun quilómetro nunha carballeira “con baixa apertura visual” e nunha contorna “igualmente natural, pero moito máis aberta e cun solo máis uniforme”, explica Gil.
