Logotipo Universidade de Vigo

Select your language

Facultade de Fisioterapia

Benvidos á Facultade de Fisioterapia da Universidade de Vigo. A nosa principal misión é formar profesionais altamente valorados polo seu desempeño e competencias. Contamos cun profesorado especializado e actualizado, e ofrecemos unha formación práctica de calidade a través de Estadías Clínicas en diversas institucións sanitarias.

Ademais, apoiamos o desenvolvemento integral dos nosos estudantes mediante titorías permanentes, prácticas extracurriculares e colaboracións con outras universidades. Tamén estamos avanzando na investigación, cun crecente número de docentes doutores participando en proxectos de investigación e teses de doutoramento.

Actualmente contamos coas titulacións do Grao en Fisioterapia e co Máster Universitario en Exercicio Terapéutico en Fisioterapia.


30 aniversario da facultade

O pasado xoves 14 de maio vivimos unha xornada moi especial na que celebramos o 30 aniversario da Facultade de Fisioterapia. Unha viaxe que botou a andar no curso 1995/1996 no antigo hospicio de Pontevedra e que hoxe nos consolida como un referente formativo, humano e de investigación.

Tres décadas de esforzo, aprendizaxe e compromiso coa sociedade que percorremos nun emotivo acto institucional presidido polo reitor, Manuel Reigosa, e a nosa decana, Mercedes Soto, arroupados por autoridades, exdirectores/as e exdecanos/as que lideraron o centro ao longo da súa historia.

No acto tamén rendemos homenaxe a Manuel Gutiérrez Nieto, exdirector e exdecano do centro, cuxo nome leva xa a Aula 4.

Ademais, como mostra de gratitude pola súa dedicación e liderado, tívose un fermoso detalle con todos os exdecanos e exdecanas, aos que se lles agasallou cunha lámina da ilustración conmemorativa destes 30 anos.

Lembramos a nosa evolución, dende os inicios da diplomatura cun patio de uralita ata o actual grao, o Máster en Exercicio Terapéutico e o novo Programa de Doutoramento en Investigación Sanitaria.

Agora tocar mirar para o futuro; co foco posto en seguir innovando e respondendo a retos sociais como o envellecemento da poboación, a saúde mental e a transformación dixital.

Seguiremos avanzando con rigor, empatía, calidade e agarimo.
Por moitos anos máis!