Logotipo Universidade de Vigo

Select your language

A Carteira de Servizos de Fisioterapia de Atención Primaria e Comunitaria impulsada polo Sergas en 2024 levou á implantación nos centros de atención primaria dunha serie de programas de exercicio terapéutico, que buscan mellorar a sintomatoloxía e a calidade de vida de persoas afectadas por diferentes patoloxías. Co obxectivo de avaliar os seus efectos, investigadoras da Facultade de Fisioterapia traballan conxuntamente coas responsables das Unidades de Fisioterapia de Atención Primaria de cinco centros de saúde da Área Sanitaria de Vigo no desenvolvemento dun estudo clínico observacional de tres dos programas incluídos nesta carteira. Desenvolvido polo grupo de investigación Isaúde, adscrito tamén ao Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, o obxectivo deste traballo é reunir os primeiros datos sobre as melloras que poden xerar uns programas dirixidos a persoas con dor crónica, con risco de fraxilidade e con patoloxías asociadas ao solo pelviano.

“Moitos estudos relacionan a vida activa e o exercicio terapéutico con, por exemplo, a redución da dor crónica”, sinala a investigadora Irimia Mollinedo, coordinadora do recentemente constituído grupo de investigación Isaúde. Nese senso, Mollinedo destaca o “cambio de paradigma” que supón a implantación de programas que “apostan pola inclusión do exercicio terapéutico, como abordaxe principal, para tratar pacientes con diferentes patoloxías”. Concretamente, os estudos que coordina a investigadora Iris Machado céntranse en tres dos once programas incluídos nesta carteira de servizos. Trátase do programa de detección precoz do sedentarismo e da inactividade, promoción da actividade física e prescrición do exercicio terapéutico no ámbito comunitario, Activa a túa saúde, dirixido a persoas con enfermidades musculoesqueléticas e reumatolóxicas; o programa para a prevención da fraxilidade e risco de caídas na persoa maior, Axilidade, destinado a “pacientes con síndrome de fraxilidade”; e o programa de solo pelviano, para persoas “con diferentes trastornos asociados ao conxunto de músculos e ligamentos presente na base de pelve”.

Ler a nova completa no DUVI