No antigo hospicio de Pontevedra botaban a andar, no curso 1995/1996, os primeiros estudos e o primeiro centro do ámbito de Ciencias da Saúde da Universidade de Vigo. Fisioterapia iniciaba entón, coas primeiras clases da súa antiga diplomatura, unha traxectoria de 30 anos, que iniciou como escola universitaria, pasando a converterse en facultade no ano 2011. Tres décadas despois daquelas primeiras clases, a Facultade de Fisioterapia trazaba este xoves un percorrido pola súa historia, nun acto conmemorativo do seu 30 aniversario, que contou coa participación de varios dos seus directores, decanos e decanas ao longo desta etapa.
Presidido polo reitor, Manuel Reigosa, este acto institucional contou coas intervencións da decana, Mercedes Soto; o director territorial en Pontevedra da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, César Pérez; o subdirector de Humanización, Calidade e Atención á Cidadanía da Consellería de Sanidade, Jorge García-Borregón, e o presidente do Consello Xeral de Colexios de Fisioterapias de España, Gustavo Paseiro. Tamén tomaron a palabra varias e varios dos docentes que se situaron á fronte do centro ao longo da súa historia, como Ramón Fernández, Manuel Gutiérrez, Gustavo Rodríguez e Eva María Lantarón, actual vicerreitora do campus. O acto completouse co descubrimento virtual da placa pola que a aula 4 da facultade pasa a ter o nome de Manuel Gutiérrez Nieto, quen foi director e decano entre 1997 e 2004 e entre 2007 e 2013.