Dirixido a recoñecer proxectos realizados por equipos integrados por estudantes universitarios e fisioterapeutas de atención primaria, Desafío Dasp é un concurso promovido por unha rede de profesionais, que neste 2025 tivo entre os seus finalistas un traballo desenvolvido por un grupo de alumnas e alumnos da Facultade de Fisioterapia. Tratábase, en concreto, do deseño dun programa de prevención e manexo do insomnio, que combina sesións teóricas sobre os ritmos circadianos e a importancia da alimentación, xunto con exercicios respiratorios, educación postural e técnicas de relaxación.
Esta proposta foi realizada por un equipo integrado polos estudantes Nadia Paz, Pau Delós, Joel Montenegro e Javier Yebra, o profesor Pablo Campo e os fisioterapeutas de atención primaria Tirso Docampo, Noa Siñuela e María Jesús Martínez. O seu punto de partida foi a abordaxe dos programas da Carteira de Servizos de Fisioterapia e Atención Primaria e Comunitaria do Sergas nunha materia do grao, na que diferentes profesionais presentan o alumnado un conxunto de programas de varias semanas, dirixidos a mellorar a sintomatoloxía de persoas afectadas por diferentes patoloxías. “A raíz destas visitas”, explica Campo, responsable da materia Saúde pública e fisioterapia comunitaria, impulsouse un seminario no que o alumnado debía idear as súas propias propostas, orientadas a “poboacións que puideran ser beneficiaras destes programas de fisioterapia, baseados sobre todo en exercicio”, explica Campo. Unha desas ideas foi precisamente a proposta que este grupo de estudantes desenvolveu posteriormente, co apoio do docente e das e dos profesionais clínicos, para este Desafío Dasp.
Combinando o seguimento presencial e virtual, 230 investigadores, investigadoras e profesionais participan este xoves e venres no I Congreso Internacional de Fisioterapia no Deporte Feminino, un foro académico inserido nas actividades da Cátedra Deporte e Saúde, que promoven a Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra. Coa participación de especialistas de diferentes ámbitos, o congreso inaugurado este xoves na Facultade de Fisioterapia ten como obxectivo dar “resposta a unha realidade que, ata o de agora, permaneceu nun segundo plano: a fenda existente na investigación sobre deporte en mulleres”, segundo salientou a súa directora, a profesora Rocío Abalo.
O punto de partida dun congreso que, sinalou, propón “unha temática novidosa” é que as diferencias entre homes e mulleres deportistas derivadas de "factores biolóxicos, como a anatomía, a biomecánica e, especialmente, os hormonais” fan necesaria incorporar a perspectiva de xénero á investigación sobre cuestións como a prevención e o tratamento de lesións. “É un paso imprescindible cara unha práctica deportiva máis igualitaria, segura e baseada na evidencia”, subliñou Abalo na inauguración deste congreso, que contou coa participación do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; o vicepresidente da Deputación de Pontevedra; Rafael Domínguez; a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón; a decana de Fisioterapia, Mercedes Soto, e a directora de Deportes da Deputación, Xisela Aranda. “Durante estes días, a facultade converterase nun espazo de encontro e de reflexión, coa finalidade de compartir e avanzar no coñecemento científico e clínico sobre a saúde das mulleres deportistas”, engadiu a directora dun evento que reúne investigadores e investigadoras de sete universidades españolas e da Universidad Nacional de Rosario (Arxentina).
A Carteira de Servizos de Fisioterapia de Atención Primaria e Comunitaria impulsada polo Sergas en 2024 levou á implantación nos centros de atención primaria dunha serie de programas de exercicio terapéutico, que buscan mellorar a sintomatoloxía e a calidade de vida de persoas afectadas por diferentes patoloxías. Co obxectivo de avaliar os seus efectos, investigadoras da Facultade de Fisioterapia traballan conxuntamente coas responsables das Unidades de Fisioterapia de Atención Primaria de cinco centros de saúde da Área Sanitaria de Vigo no desenvolvemento dun estudo clínico observacional de tres dos programas incluídos nesta carteira. Desenvolvido polo grupo de investigación Isaúde, adscrito tamén ao Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, o obxectivo deste traballo é reunir os primeiros datos sobre as melloras que poden xerar uns programas dirixidos a persoas con dor crónica, con risco de fraxilidade e con patoloxías asociadas ao solo pelviano.
“Moitos estudos relacionan a vida activa e o exercicio terapéutico con, por exemplo, a redución da dor crónica”, sinala a investigadora Irimia Mollinedo, coordinadora do recentemente constituído grupo de investigación Isaúde. Nese senso, Mollinedo destaca o “cambio de paradigma” que supón a implantación de programas que “apostan pola inclusión do exercicio terapéutico, como abordaxe principal, para tratar pacientes con diferentes patoloxías”. Concretamente, os estudos que coordina a investigadora Iris Machado céntranse en tres dos once programas incluídos nesta carteira de servizos. Trátase do programa de detección precoz do sedentarismo e da inactividade, promoción da actividade física e prescrición do exercicio terapéutico no ámbito comunitario, Activa a túa saúde, dirixido a persoas con enfermidades musculoesqueléticas e reumatolóxicas; o programa para a prevención da fraxilidade e risco de caídas na persoa maior, Axilidade, destinado a “pacientes con síndrome de fraxilidade”; e o programa de solo pelviano, para persoas “con diferentes trastornos asociados ao conxunto de músculos e ligamentos presente na base de pelve”.
A Facultade de Fisioterapia acollía nas últimas horas unha reunión de presentación dos traballos de campo do estudo que nas próximas semanas levará ás persoas participantes a percorrer espazos verdes con diferentes características, co propósito de avaliar se a calidade das masas arbóreas inflúe na regulación do sistema nervioso autónomo, axudando a reducir o estrés e a mellorar o benestar xeral. Ese é o obxectivo do proxecto que o grupo de investigación FS1 desenvolve ao abeiro do V Plan Social Ence Pontevedra e que abrangue a medición dunha serie de parámetros fisiolóxicos en itinerarios por diferentes masas forestais, xunto coa avaliación doutra serie de variables centradas na percepción destas áreas por parte das e dos participantes. Esta realizarase a través dunha escala de calidade ambiental desenvolvida polo grupo de investigación AF-4, da Escola de Enxeñaría Forestal, no marco doutro proxecto financiado polo Plan Social Ence e centrado na posta a proba dunha metodoloxía dirixida a avaliar os beneficios de carácter inmaterial que achegan os bosques, vinculados á saúde física e mental, a benestar ou ao ocio.
Estes percorridos por diferentes masas arboradas da provincia de Pontevedra levaranse a cabo ao longo das próximas dúas semanas, estando aberto o estudo á incorporación de novas e novos participantes, como explica a investigadora Ana Gil. Tratarase, sinala, “de catro paseos de tres quilómetros, a ritmo suave”. Tres deles cales realizaranse en contornas verdes próximas ao campus, mentres que o último será un percorrido nunha contorna interior, que realizarase nunha cinta na Facultade de Fisioterapia. As persoas interesadas en participar neste estudo poden porse en contacto co equipo investigador a través do correo
- Investigadoras de Fisioterapia avalían como a calidade dos bosques inflúe na redución do estrés
- Un investigador da UVigo participa na primeira guía sobre investigación con realidade virtual no ámbito sanitario
- Investigadoras de Fisioterapia constatan os beneficios no posparto de exericios abdominais e hipopresivos
- A UVigo lidera un estudo pioneiro sobre o clima educativo nas facultades de Fisioterapia de España