Un total de 107 expertos e expertas de 14 países, entre os que se atopa o investigador do grupo HealthyFit e profesor da Facultade de Fisioterapia Pablo Campo, traballaron ao longo dos últimos dous anos na primeira guía clínica sobre investigación con realidade virtual, estendida ou aumentada no ámbito sanitario. Dirixida a definir unha serie de pautas que permitan estandarizar os estudos sobre a aplicación destas tecnoloxías no eido clínico, a guía Rate-XR é un documento de consenso, recollido nun artigo no Journal of Medical Internet Research, que busca achegar un “marco de traballo para estandarizar a investigación nun campo de rápido crecemento”, como salienta este investigador da UVigo, único fisioterapeuta entre os cinco españois convidados a formar parte deste grupo de expertos e expertas.
Liderada por Michel E van Genderen, do Erasmus Medical Center de Rotterdam, esta iniciativa tiña como obxectivo establecer “as pautas xerais para estandarizar este tipo de intervencións e, sobre todo, dotalas de seguridade”, explica Campo. Dando continuidade a unha iniciativa previa, centrada unicamente na realidade virtual, os promotores e promotoras desta publicación implicaron nesta iniciativa 107 expertos e expertas, principalmente dos ámbitos da medicina e da psicoloxía, que traballaron durante os últimos anos nun “documento de consenso” que puidese servir como guía para o deseño de investigacións neste ámbito e que á súa vez contribúa “a que toda a produción científica que se vaia xerando poida ser homoxénea e comparable entre si”. Do mesmo xeito, apunta Campo, esta proposta pode ser tamén “un documento marco que sirva como ferramenta de apoio aos comités de ética que teñan que autorizar este tipo de investigacións” e, máis a longo prazo, “unha guía para poder aplicar este tipo de tecnoloxías en contornas de saúde”.
A pesar de ser empregados con frecuencia na práctica clínica, son escasas as investigacións sobre os exercicios hipopresivos, realizados en apnea con aspiración diafragmática. Co obxectivo de coñecer os seus efectos sobre a diástase de rectos abdominais, que as mulleres poden padecer tras o parto, investigadoras da Facultade de Fisioterapia levaron a cabo o primeiro ensaio clínico dirixido a avaliar os efectos deste tipo de exercicios fronte a esta patoloxía, que pode dar lugar a problemas como dor de costas ou distensión abdominal. Un artigo publicado na revista científica Plos One recolle os resultados deste estudo do grupo de investigación en Fisioterapia Clínica (FS1), que buscaba comparar as melloras que xeradas por un programa de fortalecemento abdominal baseado nos hipopresivos fronte a outro realizado con “exercicios abdominais clásicos”, explican, constatando que ambos teñen un efecto positivo similar.
As integrantes do grupo FS1 Iria Da Cuña, Eva María Lantarón e Mercedes Soto levaron a cabo este traballo xunto co investigador da Universidade de Lisboa Augusto Gil. Desenvolvido con pacientes de diferentes centros de saúde da área de Vigo, na investigación participaron 28 mulleres de entre 25 e 40 anos, que deran a luz nas oito semanas previas ao inicio do estudo e que realizaron, divididas en grupos, dous programas de exercicio terapéutico de doce sesións dunha hora, que incluían unha serie de exercicios de mobilidade e estiramento comúns, para logo centrarse nun dos casos nos hipopresivos e noutro, en exercicios abdominais clásicos. O obxectivo do traballo era coñecer os seus efectos, tanto de xeito inmediato como unha vez completado o programa, na distancia interrectos, espazo que se corresponde “co tecido conxuntivo que coñecemos como liña alba”, explican desde o grupo FS1.
Un total de 7178 alumnos e alumnas de 42 universidades españolas e 265 docentes participaron no primeiro estudo que se leva a cabo en España sobre a percepción do alumnado de Fisioterapia do clima educativo nesta titulación. Dirixido a coñecer a valoración do estudantado da súa propia aprendizaxe, do seu profesorado ou da atmosfera do centro, este traballo foi liderado pola profesora da Universidade de Vigo Eva María Lantarón e impulsado na súa etapa á fronte da Conferencia Nacional de Decanos de Facultades de Fisioterapia (CNDFF), xunto co resto da xunta directiva. Coa participación de alumnado do 75% das universidades públicas e privadas nas que se imparte este grao, os resultados deste traballo permitiron constatar que, en termos xerais, a percepción do alumnado da súa formación é positiva ou altamente satisfactoria, así como identificar posibles áreas de mellora. De feito, tras presentar os resultados á CNDFF, o obxectivo das e dos responsables deste traballo, explica Lantarón, é “remitir un informe detallado a cada centro participante coas recomendacións específicas resultantes da análise realizada”.
Vicerreitora do campus de Pontevedra, Lantarón explica que este proxecto naceu “no seo da CNDFF”, da man da directiva que presidiu entre 2020 e 2023 e que completaban Juan Martínez, da UCAM de Murcia; Esther Medrano, da Universidad de Sevilla, e Jesús Seco, da Universidad de León. De feito, iniciaron este traballo en 2020 “en plena pandemia”, co obxectivo de analizar como as “limitacións de mobilidade e restricións social impostas” puideron afectar o desenvolvemento da docencia. De feito, a idea inicial era unicamente analizar a “repercusión no clima educativo” daquela “contorna sobrevida”, mais a boa resposta que obtiveron de alumnado e profesorado motivou que “ampliásemos os obxectivos e continuásemos no tempo”. Aquela análise dun momento concreto rematou converténdose nun “estudo pioneiro”, xa que, como explica Lantarón, son escasas “a nivel internacional” as investigación sobre o clima educativo en Fisioterapia e estas adoitan ser traballos focalizados “nun só centro”, con mostras moito máis pequenas.
Analizar os posibles beneficios, en persoas con esclerose múltiple, dun programa de exercicio terapéutico con lentes de realidade virtual é o obxectivo do estudo que investigadores da Facultade de Fisioterapia desenvolven coa Asociación Viguesa de Esclerose Múltiple de Pontevedra (Avempo). Coordinado polos fisioterapeutas Gustavo Rodríguez e Pablo Campo, do grupo de investigación HealthyFit da UVigo e do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, preto dunha vintena de socios e socias de Avempo participaron neste estudo pioneiro, que conta co financiamento do Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia (Cofiga). “Neste colectivo non había investigacións que exploraran os usos da realidade virtual inmersiva para a mellora das súas capacidades funcionais”, destaca Campo respecto dun estudo que se insire á súa vez no convenio de colaboración entre a UVigo e Avempo e no que participou tamén a estudante de mestrado de Fisioterapia Elena Ferreiro.
Dando continuidade a proxectos previos do grupo HealthyFit, que exploraban os beneficios da actividade física con dispositivos de realidade virtual, este estudo céntrase na realización e posterior análise dun programa de exercicio baseado no uso de exergames, videoxogos que implican unha compoñente física e cognitiva. “Traballaramos xa con persoas con párkinson ou alhzeimer e tratamos de extrapolar esta experiencia previa a un colectivo co que non se realizarán intervencións deste tipo, maila que xa exploramos os beneficios do exercicio nesta poboación nun artigo publicado no Journal Clinical Medicine”, apunta Campo. A esclerose múltiple, lembra, é “unha enfermidade neurodexenerativa inflamatoria crónica, que implica diferentes afectacións xerais, na marcha, no equilibrio e na forza ou problemas de control motor e tamén unha sintomatoloxía máis específica, como poden ser cadros de fatiga moi marcados, e que ademais afecta a persoas moi novas”. Nese senso, o obxectivo deste programa, que foi realizado a un grupo de persoas cunha idade media próxima aos 40 anos, era contribuír a “mellorar as súas capacidades funcionais e a súa calidade de vida ”.