A pesar de ser empregados con frecuencia na práctica clínica, son escasas as investigacións sobre os exercicios hipopresivos, realizados en apnea con aspiración diafragmática. Co obxectivo de coñecer os seus efectos sobre a diástase de rectos abdominais, que as mulleres poden padecer tras o parto, investigadoras da Facultade de Fisioterapia levaron a cabo o primeiro ensaio clínico dirixido a avaliar os efectos deste tipo de exercicios fronte a esta patoloxía, que pode dar lugar a problemas como dor de costas ou distensión abdominal. Un artigo publicado na revista científica Plos One recolle os resultados deste estudo do grupo de investigación en Fisioterapia Clínica (FS1), que buscaba comparar as melloras que xeradas por un programa de fortalecemento abdominal baseado nos hipopresivos fronte a outro realizado con “exercicios abdominais clásicos”, explican, constatando que ambos teñen un efecto positivo similar.
As integrantes do grupo FS1 Iria Da Cuña, Eva María Lantarón e Mercedes Soto levaron a cabo este traballo xunto co investigador da Universidade de Lisboa Augusto Gil. Desenvolvido con pacientes de diferentes centros de saúde da área de Vigo, na investigación participaron 28 mulleres de entre 25 e 40 anos, que deran a luz nas oito semanas previas ao inicio do estudo e que realizaron, divididas en grupos, dous programas de exercicio terapéutico de doce sesións dunha hora, que incluían unha serie de exercicios de mobilidade e estiramento comúns, para logo centrarse nun dos casos nos hipopresivos e noutro, en exercicios abdominais clásicos. O obxectivo do traballo era coñecer os seus efectos, tanto de xeito inmediato como unha vez completado o programa, na distancia interrectos, espazo que se corresponde “co tecido conxuntivo que coñecemos como liña alba”, explican desde o grupo FS1.