Logotipo Universidade de Vigo

Seleccione su idioma

Dirixido a recoñecer proxectos realizados por equipos integrados por estudantes universitarios e fisioterapeutas de atención primaria, Desafío Dasp é un concurso promovido por unha rede de profesionais, que neste 2025 tivo entre os seus finalistas un traballo desenvolvido por un grupo de alumnas e alumnos da Facultade de Fisioterapia. Tratábase, en concreto, do deseño dun programa de prevención e manexo do insomnio, que combina sesións teóricas sobre os ritmos circadianos e a importancia da alimentación, xunto con exercicios respiratorios, educación postural e técnicas de relaxación.

Esta proposta foi realizada por un equipo integrado polos estudantes Nadia Paz, Pau Delós, Joel Montenegro e Javier Yebra, o profesor Pablo Campo e os fisioterapeutas de atención primaria Tirso Docampo, Noa Siñuela e María Jesús Martínez. O seu punto de partida foi a abordaxe dos programas da Carteira de Servizos de Fisioterapia e Atención Primaria e Comunitaria do Sergas nunha materia do grao, na que diferentes profesionais presentan o alumnado un conxunto de programas de varias semanas, dirixidos a mellorar a sintomatoloxía de persoas afectadas por diferentes patoloxías. “A raíz destas visitas”, explica Campo, responsable da materia Saúde pública e fisioterapia comunitaria, impulsouse un seminario no que o alumnado debía idear as súas propias propostas, orientadas a “poboacións que puideran ser beneficiaras destes programas de fisioterapia, baseados sobre todo en exercicio”, explica Campo. Unha desas ideas foi precisamente a proposta que este grupo de estudantes desenvolveu posteriormente, co apoio do docente e das e dos profesionais clínicos, para este Desafío Dasp.

Ler a nova completa no DUVI