Amosar aos futuros graduados e graduadas diferentes opcións laborais, a través da experiencias dunha serie de profesionais, é o obxectivo da Xornada de Empregabilidade que a Facultade de Fisioterapia promovía este xoves, co apoio do Consello Social. A segunda edición desta iniciativa, que dá continuidade ás mesas de saídas profesionais que este centro promove desde hai máis de 20 anos, achegou o estudantado ás experiencias e traxectoria de profesionais especializados en fisioterapia deportiva, respiratoria, rehabilitación, uroxinecoloxía ou obstetricia.
Como sinalou na súa apertura a secretaria académica da facultade, Rocío Abalo, o propósito desta actividade é mostrar aos e ás asistentes “diferentes opcións de traballo que poderedes atopar no mundo laboral”. Para iso, contou coa participación de catro fisioterapeutas, que afondaron “na súa visión do mundo laboral e nas súas experiencias, dende como montar o seu propio centro, a traballar nunha UCI a divulgar o coñecemento científico en redes sociais”, salientou Abalo.