Analizar os posibles beneficios, en persoas con esclerose múltiple, dun programa de exercicio terapéutico con lentes de realidade virtual é o obxectivo do estudo que investigadores da Facultade de Fisioterapia desenvolven coa Asociación Viguesa de Esclerose Múltiple de Pontevedra (Avempo). Coordinado polos fisioterapeutas Gustavo Rodríguez e Pablo Campo, do grupo de investigación HealthyFit da UVigo e do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, preto dunha vintena de socios e socias de Avempo participaron neste estudo pioneiro, que conta co financiamento do Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia (Cofiga). “Neste colectivo non había investigacións que exploraran os usos da realidade virtual inmersiva para a mellora das súas capacidades funcionais”, destaca Campo respecto dun estudo que se insire á súa vez no convenio de colaboración entre a UVigo e Avempo e no que participou tamén a estudante de mestrado de Fisioterapia Elena Ferreiro.
Dando continuidade a proxectos previos do grupo HealthyFit, que exploraban os beneficios da actividade física con dispositivos de realidade virtual, este estudo céntrase na realización e posterior análise dun programa de exercicio baseado no uso de exergames, videoxogos que implican unha compoñente física e cognitiva. “Traballaramos xa con persoas con párkinson ou alhzeimer e tratamos de extrapolar esta experiencia previa a un colectivo co que non se realizarán intervencións deste tipo, maila que xa exploramos os beneficios do exercicio nesta poboación nun artigo publicado no Journal Clinical Medicine”, apunta Campo. A esclerose múltiple, lembra, é “unha enfermidade neurodexenerativa inflamatoria crónica, que implica diferentes afectacións xerais, na marcha, no equilibrio e na forza ou problemas de control motor e tamén unha sintomatoloxía máis específica, como poden ser cadros de fatiga moi marcados, e que ademais afecta a persoas moi novas”. Nese senso, o obxectivo deste programa, que foi realizado a un grupo de persoas cunha idade media próxima aos 40 anos, era contribuír a “mellorar as súas capacidades funcionais e a súa calidade de vida ”.